28 mar 2014

Crónica gamberra da Marcha da Dignidade do 22M

A mani foi moi concorrida, si, pero desenganémonos, un tostón impenitente. Un porrillón de xente iso si, pero un coñazo como un piano. Moi loable o de que fose convocada polos sindicatos minoritarios e os colectivos sociais sen axuda do vendeobrerismo institucional, eu non digo que non, pero tan sosuna, longa e monótona como un día sen pan. Por non haber, non había nin sequera un triste bloque negro que amenizase o cotarro; pois os compas madrileños, seguros como estaban de que a cousa ía estar máis descafeinada que unha infusión de valeriana, na súa maioría non se dignaron nin a vir, e os que o fixeron foi sen pretensións e cunha man diante e a outra detrás. O máis parecido a un bloque combativo foi, para que vos fagades unha idea, o sector da C.N.T., co seu chiringuito móbil despachando bebidas e bocatas e os seus altofalantes berreando consignas moi de moda cando a Comuna de París.

E así ata o final do percorrido, cando, chegados á praza de Colón, tivemos que tragar un incomprensible discurso dos popes de turno vendéndonos vai tí a saber que moto (había tanta xente e a megafonía ía tan mal que non nos enteramos de nada). Cando xa pensabamos que a Marcha da Dignidade ía ser a resurrección zombi do 15M, e que nos íamos marchar para casa con tres palmos de narices, a cousa empezouse a quentar. Antes mesmo de que os dignos ponentes rematasen a súa homilía, antidisturbios e encapuchados confluíron na rúa Genova (cada un dun lado, evidentemente). O ambiente foise quentando ata que un par de petardos e algún que outro proxectil furtivo fixeron detonar as primeiras salvas policiais.

Cargas, carreiras, porradas e algunhas detencións. Na esquina de Genova coa Castellana improvísanse as primeiras barricadas. A inmensa sucursal do Barkleys Bank, que ten alí a súa sede, é redecorada con saña polos manifestantes. Déixana de verán: moito máis ventilada e accesible. O seu letreiro, tras perder algunhas letras como unha árbore de folla caduca, di agora soamente “Bar”. Continúan as cargas pero intensifícase a resistencia. Todo obxecto susceptible de converterse en proxectil é manipulado polos alborotadores ata transformalo en incesante chuvia sobre as cabezas dos uniformados. A Castellana queda convertida en campo de batalla, con escaramuzas simultáneas no carril central, nun dos carrís accesorios e no pequeno parqueciño que os separa. Algúns manifestantes caen como “pichóns”, derrubados polos bolazos dos policías, mentres os encapuchados retroceden lentamente, ao ritmo das consecutivas cargas policiais.

Nun momento dado, un reducido continxente maderil queda incomprensiblemente descolgado do groso dos seus secuaces, e vense obrigados a probar nas súas carnes a receita que eles mesmos acostuman a administrar aos demais. Que lles abriron un pouco a cabeza e lles quitaron algún que outro dente... pois que se meterán a churreiros, que carallo! Ninguén se preocupou tanto polo manifestante que perdeu un testículo... e xa me diredes que é peor. Dous furgóns dunha especie de corpo antidisturbios dos munipas (¿?) tamén quedan atrapados, acaparando para si a súa xenerosa porción de palazos e pedradas.

Unha vez a contenda retrocede ata a praza Cibeles a madeira recomponse e recupera a iniciativa. Sucesivas cargas realizadas sen baixar das grilleiras dividen o continxente subversivo, rompéndoo en varios anacos que enfilan diferentes direccións. Rematouse o que se daba, os madeiros recuperan o mango da tixola e aos manifestantes só quédalles poñerse a salvo e evitar ser detidos pola cara ao pasar xunto a calquera grupo de uniformados.
Había tempo que non se vía recuar aos antidisturbios. Doentes e humillados fustrigan ao populacho ata altas horas da noite polas inmediacións do barrio de Lavapies.

Un par de puntualizacións finais:

Sobre a tan cacarexada organización dos manifestantes, o asunto é tan gilipollesco que sobra case mencionalo. Aquilo tiña tanta organización como os macrobotellóns dos xardíns de Mendez Nuñez, se non quizais un pouco menos. O de "lideres" berrando "ordes" durante os disturbios iso xa é como para mexar e non botar gota. Que uns supostos xefes dicían consignas como "a por eles", "matádeos " ou “dadelles duro"? e que coño se supón que debería dicir unha turba alporizada no medio dun motín para non estar organizada? Quizais “non lles deades moi forte”, "tratádeos con cariño" ou "na cabeza non, que aí lle doe moito"? En fin...

Por certo que o feito de que alí o único que se tirasen fosen pedras arrancadas do pavimento e do mobiliario urbano debería dar pistas sobre o nivel de organización dos disturbios. Nun disturbio planificado, non deberían abundar os foguetes pirotécnicos (como é o caso dos mineiros), os tirapedras (como nas folgas do metal) ou os cócteles molotov (como se estilaban por Euskadi)? Pois aquí, a parte dalgún petardillo e algunha bengala que máis que ter unha efectividade real serviron para dar algo de ambiente ao balbordo, nada de nada. Pedras e paus, vamos, tan organizados como os monos de “2001 Odisea no espazo”.

Co de "Resistencia Galega", o meu máis sincero parabén. O dos autobuses de Jarrai xa nolo tiñamos coñecido, pero o da "escisión de Resistencia Galega" non se lle tería ocorrido nin ao mesmísimo Gila no seu monólogo de "es el enenmigo?". Menos mal que ninguén estaba a comer un Donner Kebapp, porque entón a culpa sería de Al Qaeda. É moi convincente iso de que un suposto grupo terrorista clandestino, que acapara o groso da atención dos servizos de información do estado español, monte buses para enviar aos seus comandos a liala parda en Madrid, a catrocentos quilómetros da fronteira territorial do que consideran o seu país... e que os madeiros só se decaten a touro pasado. Teríalles saído mellor botarlle a culpa ao "quentamento global", á fin e ao cabo algo de quentamento si que se empeza a sentir, mesmo a nivel global (Grecia, Turquía, Brasil...).

Por outro lado quero dicir que continuar abundando aínda a estas alturas na teoría conspiranoica dos “encapuchados-infiltrados policiais-provocadores das cargas” é, ao meu modo de ver, como falar do planeta Raticulín do imperecedoiro CarloJezú. De verdade cremos que a policía e o poder queren que empecen a desbordarse os acontecementos e se fenda a paz social? De verdade cremos que á xente lle fan falta os infiltrados para ter ganas de rebentar esta sociedade, os seus símbolos e aos que os defenden e protexen? Tamén foron infiltrados os que a liaron en Gamonal, ou na conca mineira? Por que cada vez que nalgún sitio se consegue algo máis alá de facer o fodido ridículo ou de ser ignorados supinamente nos empeñamos en culpar as forzas policiais? Por favor pediríalles, aos apoloxetas da conspiranoia, que se limitasen aos seus "chemtrails", os seus Ovnis, os seus "Iluminatis" e á fluorización dos nosos fluídos corporais, pero que deixasen as manifestacións en paz dunha vez por todas.

Por último dicir que o das cifras de manifestantes iso si que xa é de traca, eu non sei canta xente habería alí (medio millón, un millón, millón e medio... é difícil dicilo a pé de rúa), pero falar de 35.000 persoas (a capacidade, por exemplo, do estadio de Riazor) é un auténtico chiste. E o feito de que a gran maioría da prensa (mesmo a supostamente "progre") reflectise números similares fai dubidar se non estarán ao servizo do mesmísimo Goebbels. Se ata a prensa estranxeira falaba de manipulación mediática!. Pero xa se sabe, aquí o "Ministerio da Verdade" opera con total transparencia e obxectividade. Se a manifa fora contra o aborto falarían de cinco ou seis millóns, iso seguro.

E así é como vivimos o asunto en directo e dende a rúa, iso si, aporrando os nosos timbais e facendo soar os nosos bongós ao berro de "que non, que non, que non nos representan"... E que non dubiden de avisarnos cando monten outra destas.

Fdo.: Alfredo Landa en "Vente a Alemania Pepe"

1 comentario:

  1. Excelente artículo. Desfrutei inmenso na sua leitura.

    ResponderEliminar